Friday 03 de May de 2024

A Asociación TDAH Comarca do Salnés abrirá unha delegación para a zona do Barbanza na Casa da Cultura de Aguiño ‘Manuel Ayaso’


 

A Asociación TDAH Comarca do Salnés vai abrir unha delegación para zona do Barbanza na Casa da Cultura de Aguiño ‘Manuel Ayaso’ lodo da firma dun convenio de colaboración entre esta institución e o Concello de Riveira.

A sinatura foi celebrada esta mañá no consistorio local entre o alcalde Manuel Ruiz e Eva María Silva Noal, en representación da asociación.

O acordo materialízase na cesión dun despacho situado na casa aguiñense para favorecer a realización das actividades propias desta entidade sen ánimo de lucro, formada por pais, nais e familiares afectados por TDAH e tamén adultos afectados por este e outros trastornos asociados.

En especial, os membros da asociación atenderán de xeito especializado a persoas afectadas, proporcionándolle as terapias e apoios que necesitan, ademais de dar formación e información. Así mesmo, darán visibilidade ao trastorno ao tempo que se defenden os dereitos das persoas con hiperactividade ou déficit de atención e á integración das mesmas na sociedade.

Dito despacho será cedido de luns a venres, en horario de 15 a 21 horas. O prazo da cesión establécese por dous anos, prorrogables ano a ano ata un máximo de cinco.

Rebeca Cameán —presente na firma ao igual que a concelleira de Servizos Sociais Ana Ruiz— e Pilar García exercerán de delegadas no Barbanza.